Saturday 18 de May de 2024

A Xunta pon en marcha un novo produto turístico para potenciar a observación do ceo nocturno en espazos protexidos


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou hoxe en FITUR está iniciativa baixo o nome “Starlight en espazos protexidos: o que a noite esconde”

A Xunta de Galicia presentou en FITUR un novo produto turístico baixo o nome “Starlight en espazos protexidos: o que a noite esconde”. A iniciativa baséase na certificación que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas recibiu hoxe mesmo e que o acredita como “Destino turístico Starlight”. Este recoñecemento outórgase a aqueles enclaves que gozan de excelentes calidades para a observación de estrelas, que están protexidos da contaminación luminosa e que contan coas instalacións axeitadas. Só outros 13 lugares do mundo comparten esta acreditación e entre eles atópase o Alto da Pena Trevinca, no concello ourensán da Veiga.

Así o explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que participou no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (FITUR).

Esta iniciativa ofrece aos visitantes a posibilidade de observación das estrelas nun ceo libre de contaminación luminosa en espazos naturais protexidos de Galicia. De feito, segundo o Atlas mundial da luz nocturna artificial, o 99% dos habitantes de Europa Occidental e Estados Unidos non poden ver un verdadeiro ceo escuro desde as súas residencias. “Boa parte deles non son capaces de ver as estrelas que compoñen a Vía Láctea sen un telescopio, e para moitos o ceo nunca é máis escuro que o que o sería durante un atardecer natural”, concretou Mato.

A contaminación da luz artificial tamén afecta á biodiversidade. Os animais de vida nocturna son moi numerosos: a metade dos mamíferos, boa parte dos anfibios e gran número de aves, que suman en total centenares de miles de especies só contando aos vertebrados. O incremento da luz artificial está reducindo os seus hábitaes e provocando cambios nos seus ciclos naturais.

“De aí que se multiplique o valor dos espazos protexidos que conten cun ceo nocturno de calidade. Non só son un destino turístico de primeira orde, senón que tamén resultan fundamentais como reservas naturais de especies nocturnas”, salientou a conselleira.

Actualmente, o Parque Nacional das Illas Atlánticas xa está ultimando o programa de actividades que dará forma a este novo produto turístico presentado hoxe. En concreto, xa está previsto iniciar no mes de marzo unha serie de xornadas divulgativas; cursos de formación de guías turísticos especializados no ceo nocturno; e actividades educativas en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e de Vigo.

Ademais, os visitantes contarán a partir do verán coa oportunidade de achegarse en barco ao anoitecer a calquera dos catro arquipélagos que forman o Parque Nacional. Durante a ruta, un guía mostraralles as estrelas e constelacións, así como outras características da noite no Parque.

Para estas actividades, contarase con empresas locais da zona polo que se contribuirá á dinamización económica destas áreas xeográficas.

Rede galega de parques naturais
Galicia conta con máis de 400.000 hectáreas en 97 espazos protexidos, seis parques naturais e un parque nacional. Actualmente, estase traballando para crear unha Rede galega de parques naturais, que estaría formada polos seis parques naturais e o Parque Nacional das Illas Atlánticas. “Facémolo coa convición de que o traballo en rede vainos permitir acadar sinerxías á hora da promoción, difusión e protección destes espazos”, explicou Mato. Os seis parques, xunto co Parque Nacional, sumaron preto de 600.000 visitas durante o pasado ano.

Así, a conselleira considerou que a posta en valor destes espazos e o incremento da súa oferta –con iniciativas como a de Starlight- permiten “seguir aumentando e consolidando a calidade de Galicia como un destino turístico completo”.